A estación ferroviaria da Vilavella é un importante punto de interese desde que foi rehabilitada no ano 2009 para acoller instalacións de carácter turístico: unha cafetería, un centro de interpretación da construción da liña Zamora-A Coruña, etc….
A Igrexa da Vilavella, dedicada a Santa María da Cabeza, é un templo de estilo neoclásico que data da Idade Moderna. Na fachada destaca a porta, co arco de medio punto e intradorso decorado con fermosísimos motivos xeométricos (espirais, rosáceas de catro follas...) e enmarcada con pilastras, dispondo ademais de fuso e frontón con fornela no tímpano.
Ao sur da igrexa de Sta María a capela do Santo Cristo, un notable pero descoidado templo barroco construído no ano 1789 que presenta unha infrecuente orientación N-S, o que tivo que ser obxecto dunha dispensa especial das autoridades eclesiásticas. O elemento máis destacable é o campanario, dun único oco si, pero ricamente decorado con un par de columnas exentas dóricas sobre peaña, placas, e motivos vexetais colgantes que penden de volutas laterais. A carón del un notable cruceiro figurado.