A VilavellaIgrexa de Santa María
A Igrexa da Vilavella, dedicada a Santa María da Cabeza,
é un templo de estilo neoclásico que foi construído no século XVIII. Na fachada destaca a porta, co arco de medio punto e intradorso decorado con fermosísimos motivos xeométricos (espirais, rosáceas de catro follas...)
e enmarcada con pilastras, dispondo ademais de fuso e frontón con fornela no tímpano.
O templo loce planta rectangular e está formado por unha nave de planta rectangular, un presbiterio de planta cadrada máis elevado e unha sancristía apegada ao muro norte.
Os muros de peche son de cantería de boa calidade
e a cuberta, soportada por unha estrutura de madeira, é de lousa, como é tradicional nesta comarca da Galicia oriental.
Rivas Quintas e Rodríguez Cruz destacan a importancia do adro do templo “polas tampas sepulcrais, das que unha gran parte ofrecen como decoración, incisión cuadrangular e, nas esquinas respectivas, catro cunchas de peregrino”, unha alusión ao Camiño de Santiago.
O interior do templo sobresae polo fabuloso retablo barroco do altar maior (s. XVIII), pintado con ouro e soportado por columnas salomónicas. Algunhas das tallas, como a do Cristo da capela norte, son obra do célebre escultor Xosé Ferreiro.




