logob

A VilavellaCapela do Santo Cristo

Ao sur da igrexa de Sta María da Cabeza localízase a capela privada do Santo Cristo, un notable pero descoidado templo barroco construído no ano 1789 que presenta unha infrecuente orientación Norte-Sur, o que tivo que ser obxecto dunha dispensa especial das autoridades eclesiásticas. Esta excepcionalidade puido explicarse porque o seu promotor fose o xuíz de Vilavella en 1759, tal e como reza a inscrición que figura na fachada:

HÍZOSE, SIENDO JUEZ ANTONIO DO DIEGUEZ Y APARIZIO. ANO 1759. EL M(A)RO ESCVDERO

Un dos elementos máis destacables deste edificio é o campanario, dun único oco, pero ricamente decorado cun par de columnas exentas dóricas sobre peaña, placas, e motivos vexetais que penden de volutas laterais. Sobresae tamén a elegante lanterna cega que coroa o presbiterio. Lamentablemente o interior da capela está en moi mal estado de conservación. No terreiro da capela hai unha casona dotada cun balcón voado que puido ser propiedade do promotor da capela. Sabemos que no ano 1936, esta casa era do Coronel José García Cedrón. Tamén hai un notable cruceiro figurado que forma parte do conxunto.

Entre 1701 e 1713 tivo lugar a Guerra de Sucesión na coroa de España, un conflito dinástico provocado pola morte sen descendencia do rei Carlos II (1660-1704). Os primeiros anos do conflicto estiveron marcados polo temor dun ataque inglés a través da costa galega, o que obrigou ao Capitán Xeral de Galicia a recrutar á forza os homes necesarios no noso reino. Para evitar ser alistados, moitos deles intentaron abandonar Galicia facéndose pasar como segadores temporeiros que acudían a Tierra de Campos. Por esa razón a autoridade militar prohibiu “la marcha de la gente gallega para Castilla, colocándose vigilantes desde Quiroga hasta Villavieja”.