O PereiroForno do Pereiro
Forno de titularidade e uso comunal que presta servizo ao conxunto da veciñanza da aldea, que fai uso del polo sistema de rolda. O pan (lat. pane) é un alimento que se compón de fariña, auga, sal e lévedo. As súas características dependen do saber dos cocedores, das proporcións empregadas, da calidades dos cereais (centeo no caso da Mezquita) ou da temperatura do forno (lat. furnu) no que se coce. No oriente de Galicia os fornos son de propiedade comunal, coma as eiras e a maioría dos muíños. A veciñanza da Terra das Frieiras, a diferenza do que acontece na Galicia occidental, construía e utilizaba colectivamente o forno da aldea, dando lugar a unha arquitectura adxectiva de planta rectangular alintelada, cuberta por unha estrutura de madeira que se protexía exteriormente co colmo que se obtivera na malla do centeo.
Roxar o forno
“...Pra quentar ou roxá-lo forno
empregan-se uces, xestas, toxos secos ou verdes; meten-se pola porta prendendo o lume con eles; despois vai-se engadindo leña ata acadá-la temperatura desexada pra enfornar, ou sexa ata que «a pedra se poña branca». Xa quente o forno, varre-se co rodo primeiro e logo coa varredeira e daquela é cando se mete a masa; ...”
Begoña Bas López.
Construccións populares galegas. 1980.
