O PereiroPonte do Pereiro
A ponte salva o río do Pereiro, que nace da Portela da Canda. Á altura do Pereiro desauga nel o Regueiro das Cortiñas ou do Carrizal.
No ano 1849, a Ponte do Pereiro era de madeira, tal e como acredita Pascual Madoz. Daquela O Pereiro era unha parroquia bañada por “un regato que nace na Portela da Canda, e en Villanueva de la Sierra, corre entre Sur e Oeste e neste termo ten unha ponte de madeira, e diríxese a Portugal para desaugar no Douro”.
O mesmo autor escribe sobre o Río do Pereiro, que “leva bastante auga; pois no inverno en poucos sitios se vadea a cabalo, e durante o estío ten as suficientes para dar impulso a un muíño fariñeiro; por ambas marxes fertiliza moitos prados; desde o seu nacemento ata que entra en Portugal ten 5 pontes, 4 delas de madeira con pilastras de pedra, e outro dun arco de cantaría chamado Veiga-da-llas; e cría troitas, anguías, e outros peixes miúdos”.
No ano 1866 a nosa ponte seguía a ser de madeira e o camiño que unía O Pereiro coa Mezquita “arrinca á esquerda da estrada de Villacastín a Vigo (...) nos mesóns do Pereiro. É de ferradura. A 0,5 km do inicio pásase o río Diabredo por unha mala ponte de troncos de árbores, e o camiño ascende por terreo quebrado, no que se atopan algúns prados e bosques, para cruzar, a 4 km do Pereiro, unha ramificación da serra Segundeira, divisoria de augas aos ríos Diabredo e Tuela”
O Pereiro en 1936
Vicente Risco describe así esta parroquia en 1936: “San Pedro do Pereiro, ao norte do termo e no traxecto da estrada de Castilla, limita: ao norte, con Vilavella e Villanueva de la Sierra (Zamora); ao leste, con Santigoso; ao sur, coa Mezquita, e ao oeste, con Tameirón (A Gudiña). É atravesada por dous regatos que veñen da serra Segundera e se unen despois para dirixirse a Tameirón, formando un dos brazos do Diabredo. Comprende os lugares do Pereiro e Sobreosmuiños”.


