logob

O PereiroIgrexa de San Pedro

O templo dedicado a San Pedro, levantada con muros de cantería, presenta unha fachada con porta baixo arco de medio punto, formado por grandes doelas. Mostra arquitrabe no centro do frontispicio, así como espadana con dous arcos xemelgos con arquitrabe no terzo superior prolongada no frontón triangular agudo, con remate de cruz de pedra. Na fachada sur aparece unha porta alintelada con frontón rústico semicircular con cruz e pirámides de bolas no tímpano, así como dúas xanelas rectangulares. A igrexa é do século XVIII, con boa talla do santo padroeiro, San Pedro, de estilo barroco. Hai un cáliz do XVIII, e un copón de prata; moi interesante resulta ser a custodia do ano 1781 (JN D | CAS | R), na que un anxo está a soster o sol no que se pon a sagrada forma. Esta igrexa é anexa do templo de Sta María da Vilavella.

O Pereiro en 1849
Pascual Madoz describe como era esta parroquia en 1849: “o Clima é frío, e os ventos máis frecuentes os do Leste e Sur. Ten 50 CASAS, e escola de primeiras letras frecuentada durante tres meses de inverno, e pagada polos pais dos nenos (...) O Terreo participa de monte e chan e é de mediana calidade; é bañado por un regato que nace na Portela da Canda, e en Villanueva de la Sierra, corre entre Sur e Oeste e neste termo ten unha ponte de madeira, e diríxese a Portugal para desaugar no Douro: na parte montuosa hai algúns carballos, carrasco e herbas de pasto. Cruza polo medio da poboación o Camiño Real que vén desde Castilla e Madrid. O Correo recíbese na Vilavella. Produce centeo, patacas, legumes e hortalizas; hai gando vacún, ovino, caprino e algunhas éguas de cría; caza de perdices, coellos, lebres, corzos, teixos, lobos e raposas, e pesca de anguías e troitas. Poboación: 50 veciños e 160 almas”.