logob

O PereiroCapela do Loreto

Ermida situada á beira do camiño se Santiago que foi construída no ano 1681, segundo o investigador Rivas Quintas. Destaca polo cabido aberto que se sitúa ante a fachada principal, cuberto e sustentado por catro columnas troncocónicas de orde dórica.
A porta é de arco de medio punto con grandes doelas. A espadana que coroa o frontis arrinca dun corpo formado por aletas en curva de forma cóncava, mostrando un arco de medio punto precedido de listel no terzo superior. Queda rematada por unha cruz de pedra sobre corpo de perfil trapezoidal flanqueado con aletóns en forma de onda.
O interior da capela conta cun retablo barroco do XVIII; talla barroca de Santa Rosa e da Virxe de Loreto, esta do s. XIX. Tamén hai un San Roque e unha Dolorosa, igualmente barrocas.
A Virxe de Loreto, tamén coñecida como Virxe dos peregrinos, toma o seu nome da localidade italiana de Loreto, onde os cristiáns cren que naceu a Virxe María, o mesmo lugar no que recibiría o anuncio da Encarnación e no que tamén viviría con Xosé e o seu fillo Xesús de Nazaret. Caravaggio pintou no ano 1603 un famoso cadro no que representa o encontro entre esta Virxe co neno espido no colo e dous humildes peregrinos de xeonllos prostrados, sucios e humildes.